Seivane

Centenario Xosé Seivane

Xosé Manuel Seivane nacía o 9 de febreiro de 1921 para se convertir nun dos artesáns de gaita máis recoñecidos de todos os tempos, e iniciador dunha prestixiosa saga de artesáns e músicos, que maxistralmente tomaron o seu relevo. No obradoiro, os seus fillos Álvaro e Xosé Manuel Seivane, orgullosos legatarios da sabedoría do seu pai e impulsores directos da evolución do instrumento. Tamén a súa neta, Saínza Seivane, que na actualidade é a única muller en Galicia que se dedica á construción de gaitas. E nos escenarios, a súa neta máis famosa Susana Seivane, unha das intérpretes de gaita máis célebres a nivel internacional. 

Toda unha vida dedicada á construción do símbolo musical de Galicia. Un percurso vital, unha traxectoria e unha obra no que afondou recentemente Xosé Manuel Sánchez Rei, gaiteiro e profesor titular na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña, no libro XOSÉ SEIVANE. A GAITA CON MAIÚSCULA (2019, Edit. Canela)

Xosé V. Ferreirós, músico e cofundador do Grupo Milladoiro, no limiar deste libro expresa perfectamente o que unha figura así significa para Galicia, porque “ese proxecto común, que é Galicia, só será posible se todos poñemos o esforzo por salvaguardarmos os nosos costumes, crenzas, bailes, músicas, cantigas… Seivane así o creu, facendo da súa paixón unha forma de vivir”. Ou en palabras do investigador, escritor e catedrático, Xesús Ferro Ruibal, “Seivane é un anticipo da Galicia que soñamos”.

Nestes tempos tan duros que estamos vivindo fainos máis falta que nunca estes pioneiros e soñadores que sen pretendelo deixaron un mundo mellor co que atoparon.

27 xaneiro 2021