Dende o Obradoiro de Gaitas Seivane, poñemos un especial esmero en todo o proceso de elaboración das nosas gaitas, dende a selección e secado das madeiras, o mantemento e afiado das nosas ferramentas, o desenvolvemento dos diferentes pasos na súa elaboración, o afinado, o acabado e a presentación final.
A madeira é o elemento principal co que se elaboran as gaitas. As máis apreciadas para as gaitas galegas son: mopane, cocobolo, buxo e granadillo.
Granadillo | Buxo | Cocobolo | Mopane | |
---|---|---|---|---|
Nome botánico | Dalbergia melanoxylon Guill. Et Perr | Buxus Sempervirens L. | Dalbergia granadillo Pitt. | Colophospermum Mopane |
Densidade | 1.250 Kg/m3 | 900-1030 Kg/m3 | 990-1.250 Kg/m3 | 1.250 Kg/m3 |
Dureza | Moi dura | Moi dura | Moi dura | Moi dura |
Cor | Marrón púrpura escuro con vetas negras | Amarelo pálido | Marrón avermellado | Marron abelá |
A elección da madeira dependerá do gusto de cada gaiteiro, pero hai que ter en conta que pola súa densidade unhas son máis sensibles que outras aos cambios bruscos de temperatura e humidade. No caso do buxo, a máis sensible, é pouco recomendable para zonas climáticas con temperaturas extremas.
Outro punto que hai que ter en conta á hora de escoller a madeira é o carácter tímbrico que lle vai achegar ao instrumento. O buxo é moi apreciado polos solistas pola súa dozura e riqueza harmónica. É a madeira autóctona que máis se utilizou para construír a gaita tradicional galega.
A escaseza do buxo e a inquietude por buscar novos timbres, levou os artesáns a buscar madeiras exóticas nobres como o cocobolo, mopane, o pau santo ou o granadillo. En concreto o granadillo, presenta unha tolerancia maior aos cambios de temperatura e humidade e achega un timbre cristalino e brillante.
Para a elaboración das anelas utilízanse diversos materiais: metacrilato negro ou imitación a marfil, latón, alpaca, o novo Seinox, prata e mesmo madeira, contrastando coa do instrumento.
Aínda que as gaitas antigas non dispoñían de anelas -o que as obrigaba a ser moito máis robustas- a súa utilización cumpre a función de protexer todas as furas de posibles fendas provocadas pola presión das cortizas. O mesmo sucede na campá do punteiro e na copa do ronco, ronqueta e chión que tamén quedan protexidas de posibles fendas debidas a golpes fortuítos ou movementos das madeiras.
Á parte desta función primaria de protección, as anelas xogan tamén un importante papel decorativo, distintivo e de personalización. No Obradoiro de Gaitas Seivane, ofrecémoslle ao gaiteiro a posibilidade de gravalas con múltiples deseños, ou co seu propio, así como cun nome ou un recordatorio. Por encarga tamén se seguen facendo gaitas sen anelado, a semellanza das antigas. Ou tamén con anelas internas, que reforzan as gaitas sen anelado externo.
Unha mención á parte merecen as innovacións no tratamento dos metais introducido por Seivane ao anelado das gaitas. O repuxado ao torno, unha arte propia dos máis finos ourives, foi incorporado ao noso proceso de elaboración obtendo así un axuste perfecto ás madeiras á vez que elegantes e estéticos relevos, rebatidos, fendas ou medias canas.
Metacrilato
Polímero que ten un índice de dilatación moi similar ao da madeira. Esta característica, unida ao seu brillo e a súa resistencia á intemperie e ao raiado, fan que sexa un material moderno moi axeitado para o anelado das gaitas. O metacrilato pode ser negro ou imitación marfil.
Latón
Tamén chamado metal, é unha aliaxe de cobre e zinc. É de cor amarela.
Alpaca
Aliaxe formada por zinc, cobre e níquel. A súa cor e brillo son moi parecidos aos da prata. O níquel faina bastante resistente aos medios corrosivos.
Prata
Metal precioso brando de cor branca. Para darlle máis consistencia adoitase facer aliaxes con cobre na proporción do 93% ou, o que é o mesmo, 930 milésimas. Alcanza un alto brillo característico cando se pule.
Seinox
Aliaxe exclusiva de Seivane, de alta dureza, tenacidade e resistencia á corrosión. Tamén está libre de oxidación polo que o seu aspecto prácticamente permanece inalterable co paso do tempo. Esta característica faina ideal para elaborar anelas para gaitas. As anelas de Seinox non levan soldadura.
Para a funda ou vestido pódese escoller entre catro diferentes modelos. A funda estándar de veludo, a brocada, a de liño e a dobre con deseño de bágoa, que é unha combinación das anteriores. Para a confección dos vestidos utilízanse veludos, liños e brocados de alta calidade nunha ampla gama de cores. É posible combinar calquera cor, tanto en fundas coma en fleques.
O proceso de elaboración empeza coa corta da árbore. Por tradición e comprobación empírica, está demostrado que as mellores épocas de corta son o cuarto minguante da lúa de xaneiro e o cuarto minguante da lúa de agosto. En ambos os dous casos a circulación de sabia é mínima, polo que a súa expulsión será máis doada e rápida. Se esta sabia permanece demasiado tempo na madeira provoca o que nós chamamos madeira “pasmada”, sen vida. Trátase de conseguir un perfecto secado ao mesmo tempo que mantemos a madeira viva.
Unha vez cortada, déixase quince días sen cortarlle as ramas para que estas succionen a máxima cantidade de sabia posible. Despois de cortalas, tóranse os madeiros en pezas de 50–60 cm e sérranse lonxitudinalmente en metades e cuartas partes. Con estes cortes a madeira queda distensionada e relaxada e evítanse as típicas fendas no secado posterior.
Comeza entón unha longa sucesión de fases de tratamento das que dependerá, en boa medida, a calidade final da madeira. Entra no local de secado e amoréase convenientemente para que o aire circule libremente entre os tacos. Despois dun ano, vólvese revisar e serrar para eliminar nós e impurezas, e déixase repousar de novo ata completar o proceso de secado que, en total, rolda os 10 anos.
Pasado este tempo, é o momento de serrar de novo as pezas coa axuda da intuición e experiencia do artesán e clasificala por dimensións, estabilidade, rectitude de vetas, aparencia estética, cor, gran, fibras, homoxeneidade, etc. e destinar cada peza a unha parte determinada da gaita.
Cada gaiteiro pode personalizar a súa gaita Seivane, elixindo a tonalidade, a madeira, os aneis, a funda, fleques, gravados… Nos aneis e espigos, así como nas partes de madeira da gaita, pódense facer gravados decorativos, conmemorativos ou cun nome propio.
Dende o respecto á tradición e no seu desexo de mellora constante e gracias a súa experiencia e estudos, o Obradoiro aposta pola axuda da tecnoloxía actual, que proporciona un alto grao de fiabilidade e precisión ás gaitas Seivane.
Seivane foi rexistrada como marca na Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM). As investigacións no obradoiro foron materializándose nas invencións acadadas ao longo dos anos, algunhas delas patentadas nesa oficina.
Así, patentouse o pallón sintético Seipal, que se mantén fiel ao son do pallón tradicional de cana, pero cunha gran estabilidade tonal, e rexistrouse a marca Seipal.
Outras patentes rexistradas son a válvula de corte incorporada no pallón Seipal, que fai posible silenciar o ronco da gaita, cerrando e abrindo o paso do ar. E o Seitor, punteiro de ton regulable para gaitas, que incorpora un novidoso dispositivo de regulación do ton, que permite correxir as eventuais variacións no ton sen necesidade de sacar o punteiro da gaita.
Actualmente, o obradoiro continúa cos seus estudos e segue investigando novas maneiras de mellorar a gaita e facilitarlle o seu labor aos gaiteiros.
Se vostede o desexa, pode descargar en formato PDF as nosas patentes:
O Obradoiro de Gaitas Seivane participa no proxecto de investigación IDIGAITA, en colaboración co CTAG e a Universidade de Vigo (Grupo Sonitum). Trátase de aunar esforzos para combinar o Patrimonio Cultural Musical Galego e as novas tecnoloxías en materiais.
A investigación pretende solventar moitos dos problemas actuais que afectan á gaita e enriquecer ó máximo as posibilidades sonoras da mesma. O obxectivo do proxecto é investigar novos materiais con punto verde alternativos á madeira, ou mesmo de reciclar os residuos da propia madeira, para intentar minimizar ó máximo os problemas de mantemento do instrumento, co obxetivo de acadar a estabilidade física, térmica e sonora da gaita.
Este sitio web utiliza cookies
Usamos cookies para personalizar o contido e os anuncios, proporcionar funcionalidades de redes sociais e analizar o noso tráfico. Tamén compartimos información sobre o teu uso do noso sitio cos nosos socios de medios sociais, publicidade e análise, que poden combinalo con outra información que lles proporcionaches ou que recolleron do teu uso dos seus servizos.
Necesarias
As cookies necesarias axudan a facer unha web utilizábel habilitando funcións básicas como a navegación na páxina e o acceso a áreas seguras da web. O sitio web non pode funcionar adecuadamente sen estas cookies.
Preferencias
As cookies de preferencias permiten que un sitio web lembre información que cambia a forma en que o sitio se comporta ou parece, como a túa lingua preferida ou a rexión na que estás.
Estatísticas
As cookies estatísticas axudan aos propietarios dos sitios web a comprender como os visitantes interactúan coas webs recollendo e informando información de forma anónima.
Marketing
As cookies de marketing úsanse para seguir aos visitantes nos sitios web. A intención é mostrar anuncios que sexan relevantes e atractivos para o usuario individual e, polo tanto, máis valiosos para os editores e anunciantes terceiros.
As cookies son pequenos arquivos de texto que os sitios web poden usar para facer a experiencia do usuario máis eficiente.
A lei di que podemos almacenar cookies no teu dispositivo se son estritamente necesarias para o funcionamento deste sitio. Para todos os outros tipos de cookies necesitamos o teu permiso.
Este sitio utiliza diferentes tipos de cookies. Algúns cookies son colocados por servizos de terceiros que aparecen nas nosas páxinas.
Podes cambiar ou retirar o teu consentimento da Declaración de Cookies no noso sitio web en calquera momento.
Aprende máis sobre quen somos, como podes contactarnos e como procesamos os datos persoais na nosa Política de Privacidade.