Seivane

seitor

O Seitor é un sistema de ton regulable integrado no punteiro, exclusivo do Obradoiro de Gaitas Seivane, que se ofrece opcionalmente cando se adquire unha das nosas gaitas ou punteiros.

As gaitas, como todos os instrumentos, son sensibles aos cambios de humidade e temperatura ambiental. Os gaiteiros tratan de compensar estas variacións no ton con diferentes mañas, a principal é sacar ou introducir a palleta no espigo do punteiro, labor non exenta de risco nunha actuación en directo. En 1998, para facilitar isto, nace o punteiro de ton regulable, Seitor, que é patentado no 2005, como un medio idóneo e efectivo.

Este punteiro está formado polo corpo e a mesa ou parte superior, ensamblables entre sí, e provisto dunha rosca interna que permite o seu axuste telescópico e regulable con precisión, o que se traduce nun alongamento ou acortamento efectivo do punteiro coas conseguintes variacións na afinación; partindo de que debe estar perfectamente afinado no punto 0, pode subir e baixar un cuarto de ton sen descompensar prácticamente a escala.

Aínda que todo punteiro pode afinarse ao xeito tradicional, o Seitor é un sistema que permite subir e baixar a palleta, dunha forma rápida, segura e precisa, co que o gaiteiro pode correxir as eventuais variacións no ton sen necesidade de sacar o punteiro da gaita.

Instrucións de uso do Seitor

Unha vez colocada a palleta no seu lugar e o punteiro na súa buxa, vostede pode xirar o corpo (B) con respecto á mesa (A), á dereita ou á esquerda para correxir eventuais variacións no ton que poden presentarse con cambios na temperatura ambiente, humidade ou calquera outro motivo. Todo esto sen necesidade de axustar outra vez a palleta. Cada volta do punteiro (B) representa un agrandamento ou encollemento dun milímetro que fai que o seu ton baixe ou suba respectivamente.

No momento do seu embalaxe o punteiro é axustado perfectamente na posición central (2), é dicir, do mesmo modo que os punteiros de ton fixo. Vostede conta con tres voltas á dereita (3) ou dúas á esquerda (1) para compensar os cambios mencionados. Pódese xirar algunhas voltas máis pero, neste caso, a escala do punteiro pode resultar descompensada.

Se o desexa, pode descargar en formato PDF o manual do Seitor no seguinte enlace:

Mantemento

É convinte separar cada seis meses a mesa (A) do corpo (B) xirando repetidamente este (B) á esquerda con respecto á mesa (A). Deste xeito quedará á vista o parafuso de axuste de precisión (4) que deberá lubricarse coa grasa Seibo que acompaña á gaita, dúas veces ao ano.

Para volver a unilos, alinee perfectamente o parafuso e enrosque, sen forzar, hacia a dereita ata a posición media. Esta posición alcánzase cando a base da mesa (A) e o pequeno ensanchamento da parte alta (B) do punteiro están nivelados de modo que ambos forman un conxunto estético similar ao dun punteiro de ton fixo.