Seivane

A FILOSOFÍA SEIVANE​

O DESEXO DE DIGNIFICAR A GAITA

O DESEXO DE DIGNIFICAR A GAITA

Dende os seus comezos, o Obradoiro de Gaitas Seivane, a través das distintas accións, construción, presentación, divulgación, comercialización, estudo e investigación, tivo sempre o desexo de dignificar a gaita, o instrumento musical símbolo de Galicia, e levala ás máis altas esferas da música e ao máximo nivel de valoración, co que hoxe en día se lle recoñece internacionalmente.

Como tamén o fixeron e están facendo moitas persoas e colectivos, ás veces a contra corrente e sen medios, o obradoiro traballa para conservar e potenciar a música tradicional galega como un ben inmaterial e sumar ao patrimonio este tesouro cultural herdado, que hai que coidar, amar e transmitir. Orgulloso da súa cultura e coa teima de enaltecer a gaita e poñela en valor, vaise facendo país e medrando en cultura e identidade.

Co propósito de que o gaiteiro dedique a maior parte do seu tempo a tocar e reducir ao mínimo o mantemento do instrumento, a gaita é sometida a un exhaustivo control para que responda a estritos estándares de calidade para poder ofrecerlle ao gaiteiro unha garantía e fiabilidade que lle permita chegar a cotas que antes eran impensables para a gaita. Por este motivo, o obradoiro ten limitada intencionadamente a súa produción.

Co respecto á produción artesanal, o instrumento tradicional vese inmerso no proceso creativo, e o obradoiro pon a tecnoloxía máis moderna, as novas técnicas construtivas e as máquinas de precisión ao servizo do oficio artesanal.

Co desexo de que o mundo da gaita siga medrando, evolucionando e dignificándose, o obradoiro aposta por estar presente e seguir colaborando coa súa investigación e achados, inspirando as xeracións vindeiras, como un referente construtivo e un exemplo de dedicación ao oficio.