- Inicio •
- Obradoiro •
- A nosa achega •
A NOSA ACHEGA
Nos últimos 50 anos, a gaita enriqueceuse enormemente e o obradoiro, aberto a comunicar e recibir calquera achado, participa en moitos dos diversos estudos que se desenvolven para unificar criterios e actualizar o instrumento.
Mostra deles son a unificación das palletas para conseguir que os artesáns produzan palletas máis estandarizadas e de indubidable calidade que redundan nunha maior pureza do son dos punteiros. A recuperación do fol de cabrito, o fol innato da gaita, desterrando outros foles feitos con materiais prexudiciais para as palletas, tempero e gaita en xeral, como o fol de goma ou outros similares, e a introdución do actual fol de fibras transpirables.
MELLORAS Acústicas E MUSICAIS
No terreo acústico e musical tamén se conseguiron, nos últimos anos, relevantes melloras, e o Obradoiro de Gaitas Seivane é un referente inequívoco na investigación e evolución do instrumento. As súas gaitas actuais ofrecen un rexistro dunha oitava e media e pódense alcanzar, cunha técnica especial, case as dúas oitavas. Á vez que ofrecen un cromatismo de calidade nada desprezable o que abriu, nas últimas décadas, novas posibilidades musicais.
Co perfeccionamento da afinación e o achegamento da escala natural da gaita á escala temperada, establécese unha relación de compromiso entre as dúas escalas e co traballo nos harmónicos conséguese que esta se adapte a outros instrumentos clásicos ou modernos, sen perder as características naturais propias da gaita.
No referente ás tonalidades, ademais de perfeccionar as tradicionais como son o Si bemol (tumbal), Dó (redonda) ou Re (grileira), desenvolveuse unha extensa gama cromática entre Dó4 e Sol5, co que se fan posibles novas posibilidades harmónicas con distintas combinacións de tonalidades. Así mesmo, Seivane acadou unha tímbrica característica que creou escola, tanto no que se refire aos punteiros, coma ao empaste xeral dos roncos. A dixitación “pechada” foi rescatada, definida e unificada o que contribuíu, sen dúbida, á súa extraordinaria expansión actual. A utilización de tranquillas para o modo menor viuse potenciada, xa que proporciona un grao de perfección considerable, fronte ao uso anterior e impreciso de tapar a medias os buratos.
AVANCES E INNOVACIÓN
Sen perder de vista a súa orixe e autenticidade, acadáronse múltiples avances técnicos que deron como resultado innovadores produtos, algúns deles patentados polo obradoiro, tales como o efectivo pallón sintético Seipal coa válvula de corte incorporada, o novo sistema de válvula do soprete Seipón, a boquilla desmontable do soprete, o punteiro de afinación regulable Seitor ou o novo material Seinox con propiedades inoxidables para os aneis.
A REFERENCIA SEIVANE
O coidadoso acabado propio de instrumentos clásicos, o deseño estético e ergonómico dos instrumentos, o estilo inconfundible dos seus produtos, a personalización, a gran variedade de gaitas e a ampla gama de complementos para o transporte, a protección e o mantemento do instrumento, fixo do Obradoiro de Gaitas Seivane unha referencia na construción de gaitas.
Estímase que, entre un 85 e un 90 por cento das gaitas galegas modernas que circulan e soan por todo o mundo, son produto directa ou indirectamente da “Escola Seivane”, en canto que foron construídas tomando como base os resultados empíricos do obradoiro ao longo da súa historia.