- Inicio •
- Restauración •
RESTAURACIÓN
Unha das tarefas diarias no Obradoiro Seivane é a reparación, restauración ou posta a punto das nosas gaitas. Debido á longa traxectoria do obradoiro, as gaitas Seivane contan unha historia de vida. Estes instrumentos, que nalgúns casos foron construídos hai décadas, proxectan as vivencias doutra época e son unha ventá ao pasado, co que conectan intanxiblemente dende a primeira nota. Envolven ao gaiteiro coa súa sonoridade, agradecidos polo agarimo recibido ao longo dos anos, e transmitido de avós, pais e fillos. Son instrumentos que forman parte xa do legado familiar.
É fermoso recibilos outra vez nas nosas instalacións, volver a darlles vida, sanalos, recuperalos do seu desgaste natural, e velos lucindo en tan bo estado como o primeiro día, ou mellor se cabe, ao incorporarlles os últimos avances técnicos, cando esto é posible.
Os artesáns do obradoiro, dada a súa ampla experiencia e as súas destrezas manuais, artísticas e prácticas, desenvolven un traballo minucioso co máximo coidado e atención ao detalle, metódico na súa manipulación, e exquisito na recuperación do instrumento de cara ao seu mellor estado posible.
Esta é unha actividade esencial no obradoiro, a preservación do instrumento e a súa transmisión ás xeracións futuras.