Seivane

“Só teño palabras de agradecemento”

Nun emotivo acto, o alcalde da Pastoriza Primitivo Iglesias, entregou ao músico Xosé Manuel Seivane, unha placa conmemorativa da efeméride, así como unha copia da acta plenaria na que se acordou por unanimidade dedicarlle o edificio da Casa da Música.

Por outra banda, ese mesmo día, tamén na Pastoriza, Xosé Manuel Seivane presidiu os actos da XVII Edición dos Encontros na Terra Chá, adicada a súa figura. Os músicos Santiago Caneiro, Sito Carracedo, Raúl Galego e Xaneco Tubío, así como o historiador Xesús Torres e o presidente da Asociación Galega de Artesáns, Manolo González, aproveitaron este foro para salientar as múltiples virtudes de Xosé Manuel Seivane, ao que se referiron, ademáis de como amigo, como “feitor de gaitas e tesouro vivo que contribuiu de xeito activo á conservación e difusión da cultura galega”.

A ampla repercusión que tivo o tributo nos medios de comunicación puxo de manifesto o recoñecemento do seu labor “por conservar a música tradicional”. A familia Seivane foi descrita como “abondo coñecida pola fabricación e o dominio dos instrumentos”. E en palabras de Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos, Xosé Manuel Seivane representa unha liña de continuidade co pasado: “grazas a el, a música tradicional consérvase”.

Tras a mesa redonda e o xantar, houbo música interpretada entre outros, por Alén do Mar, Mini e Mero, Caivanca e Susana Seivane.

29 novembro 2010