Seivane

Manual e consellos

A continuación, poñemos á súa disposición a información que figura no manual que acompaña a todas as nosas gaitas. Se vostede o desexa, pode descargar en formato PDF a versión impresa do manual que se envía con cada gaita.

CONTIDO DA EMBALAXE

Cando abra a embalaxe do seu instrumento (caixa de cartón ríxido), atopará os seguintes elementos:

Nel poderá atopar diversos e interesantes trucos para a conservación e o mantemento da súa gaita.

Estoxo de alta calidade, deseñado para ofrecer un cómodo transporte e unha excelente protección física e térmica. Dispón de higrómetro, varios petos externos, un departamento para os efectos persoais e ocos internos para os accesorios da gaita. Grazas á versatilidade das súas asas, pode levarse de bandoleira ou mesmo de mochila.

Construída e revisada no Obradoiro de Gaitas Seivane co máis alto nivel de calidade. Para montala soamente será necesario unir as partes do ronco que están separadas para o seu transporte.

Inclúe unha palleta, unha válvula (Seipón) para o soprete, dúas válvulas (Seipal) e un botón.

Conxunto de tres baquetas deseñadas especialmente para a limpeza das partes internas da gaita. Consta dunha baqueta para eliminar a condensación que puidera formarse nos espigos do ronco en tempo húmido, outra para o soprete, e unha terceira para o punteiro.

Aceite de améndoa de alta calidade, só para a limpeza interna do punteiro. Non usar noutras partes da gaita, podería perxudicar as válvulas do Seipal e Seipón.

Recoméndase botar como na foto, unhas tres gotas por un furado e a continuación untar coa baqueta de limpeza. Frecuencia de uso, dúas veces ó ano.

A pesar de estar nun bote hermético, o Seite é vulnerable á calor, polo que o recomendamos ter na casa.

Capuchón feito en madeira de buxo que colocado no punteiro protexe a palleta e introducíndolle a boquilla desmontable do soprete, permite tocar directamente co punteiro.

Para facer de base do despunte da palleta.

Para a limpeza xeral do instrumento, co obxecto de eliminar o ácido que as mans deixan sobre este.

Especial para lustrar as anelas metálicas da súa gaita (incluída soamente en modelos de gaita con anelados metálicos, excepto Seinox). Poden utilizarse outros produtos para limpeza de prata, tendo especial coidado de non os aplicar sobre a madeira.

Para o raspado e despuntado da palleta.


Especial para lubricar as cortizas. A pesar de estar nunha caixa hermética, o Seibo é vulnerable á calor, polo que o recomendamos ter na casa. Non é necesaria a súa conservación en frío. Sobre a cantidade precisa, o Seibo que se subministra coa gaita debe durar de 4 a 5 anos.

Documento audiovisual sobre Seivane.

Precaucións de uso e mantemento xeral

  • Poña atención ao desembalar o paquete para comprobar que non sufriu danos no seu transporte. Comprobe o contido e que todo se atope en perfecto estado.

 

  • Protexa a súa gaita da chuvia, da exposición prolongada aos raios do sol e dos cambios bruscos de temperatura e humidade.

 

  • Nunca deixe a gaita no maleteiro dun coche ao sol nin tampouco en noites frías. Isto podería provocar serios danos no instrumento, ademais do risco evidente de roubo.

 

  • Nunca debe somerxer o instrumento en ningún tipo de líquido.

 

  • Sexa coidadoso co estado no que deixa en repouso a súa gaita. As súas partes cilíndricas e o fol non ofrecen unha estabilidade fiable para o seu soporte e podería rodar ou esvarar.

 

  • Á hora de manipular a palleta, teña sumo coidado ao extraer o punteiro da buxa, pois calquera rozamento da palleta pode deixala inservible. Sempre debe suxeitar o punteiro preto da buxa (pola mesa); se o fai por outro lado podería romper. A palleta extráese e insírese no seu asento mediante un sistema de rosca.
  • Nunca debe coller o punteiro pola campá ou o corpo para xiralo ou intentar sacalo xa que é moi doado quebralo. Unha boa operativa consiste en coller a buxa coa man esquerda e a mesa do punteiro coa man dereita. Co dedo polgar dereito, exercendo unha presión sobre a buxa, xirar e, á vez, extraer o punteiro con moito coidado ata o final da cortiza. O dedo polgar dereito debe coordinar as dúas mans para que o punteiro saia recto e, polo tanto, a palleta non roce os bordos da buxa.

 

  • Teña moito coidado cos golpes e rozaduras, xa que poden contribuír a que rache a madeira á vez que deterioran o estado xeral do instrumento.

 

  • Comprobe que as palletas e pallóns estean introducidos firme e hermeticamente nos seus asentos.

 

  • Cando inche o fol, procure facelo de modo que introduza a menor cantidade de humidade posible. Unha vez conseguida a presión necesaria para o funcionamento acústico da gaita, procure mantela constante con axuda do seu brazo (tempero). Faga un uso razoable do aire almacenado no fol e evite insuflacións excesivas que só achegarían exceso de humidade. Recorde que o fol é unha reserva de aire que hai que saber administrar.

 

  • Se algún dos pallóns se para ou a palleta non soa, non force en exceso a presión do fol xa que podería danalos. É mellor desmontalos e descubrir a causa do mal funcionamento. O pallón vai calibrado para unha presión media, se se cala, hai que poñer un dedo enriba das abrazadeiras para que non rompan e levantar a lingüeta forzándoa lixeiramente. Se baixara de ton avanzar a abrazadeira móbil ata dar co punto de entonación.

 

  • Se vai deixar a gaita sen utilizar por un período prolongado de tempo, desmonte todas as súas pezas para que, na medida do posible, as cortizas recobren a súa elasticidade inicial. Retire as palletas e pallóns e procure ventilar o fol para secar ben o seu interior. Unha vez que se asegure de que non hai humidade, envolva as pezas por separado para evitar que se raien e gárdeas no seu estoxo protector.

 

  • Este hábito de desmontar todas as pezas da gaita sería, mesmo, aconsellable en períodos de dous a tres días para conseguir unha maior duración das cortizas.
  • Non utilice produtos abrasivos para a limpeza da súa gaita. Use sempre a baeta amarela subministrada para a limpeza xeral da madeira e anelas despois de utilizala.

 

  • Para a conservación da madeira pode utilizar un bo produto para mobles que conteña cera. Para as anelas metálicas (excepto Seinox) utilice a baeta azul, ou ben algún produto para a limpeza da prata. A baeta azul está impregnada dun po especial chamado “alunita” que seguirá sendo efectivo aínda cando ennegreza polo que non debe ser lavada.

 

  • Para a limpeza das partes internas da gaita, use o kit de limpeza interior, composto polas tres baquetas e o bote de Seite. Teña precaución de usar só o Seite para a limpeza interna do punteiro, non usar noutras partes da gaita, podería perxudicar as válvulas do Seipal e Seipón. Recoméndase botar unhas tres gotas por un furado do punteiro e a continuación untar coa baqueta de limpeza. Frecuencia de uso, dúas veces ó ano.

 

  • O fol de Gore-Tex® non ten mantemento ningún. O seu tecido microporoso é transpirable, o que significa que a humidade que se condensa no seu interior, tende a saír polos poros polo fenómeno de osmose. En ambientes húmidos, é recomendable sacar o soprete para evitar a acumulación de humidade cando deixe de usar a gaita. En ambiente secos ou moi secos, débese introducir, de cando en vez, unha pequena cantidade de auga (medio vaso: de 5 a 6 cl) no interior do fol unha vez que se sacaran todos os elementos sonoros e taponado a buxas. Isto contribúe a impregnar as paredes internas co fin de que conserven certa humidade conveniente para a palleta.

 

  • Se a válvula do soprete deixa de ser efectiva, debe ser substituída por un recambio. Retire o cravo que suxeita esta con axuda duns alicates ou tenaces e desbote a defectuosa. O soporte do cravo debe exercer a mínima presión sobre a válvula. Se dispón do novo sistema Seipón, pode substituír a válvula antiga polo recambio, e neste caso será suficiente atala cun fío, sen exercer moita presión.

 

  • É conveniente levar a cabo unha práctica moi saudable para o instrumento: cada vez que remate de usar a gaita, retire o soprete da buxa e sacuda enerxicamente a humidade que queda retida na válvula. É mellor non colocar o soprete ata que volva utilizar o instrumento, deste xeito, o aire húmido que permanece no fol, ten unha vía de escape máis efectiva alongando a vida útil das voces e os tubos sonoros á vez que a da mesma válvula.

 

  • As cortizas deben ser lubricadas lixeiramente, non se debe abusar, con sebo de año ou cabrito ou tamén coa graxa especial Seibo que se subministra. Sexa especialmente moderado nas que van en contacto coas buxas do ronco e ronqueta, para evitar que xiren cando se afina. Se, por algunha razón, algún espigo da gaita quedase excesivamente apertado no seu oco, suxeite unha peza con cada man (non use ferramentas que poidan marcar a madeira) e xíreas en sentidos opostos á vez que imprime lixeiros movementos de vaivén coma se fose a destapar unha botella de cava. As cortizas que selan as unións das diferentes partes da gaita, teñen unha vida limitada. Se se afrouxan, rompen ou despeguan, envolvelas provisionalmente con fío ata que envíe o instrumento ao Obradoiro de Gaitas Seivane para substituílas por outras novas.

 

  • Unha correcta colocación da gaita favorece a comodidade do gaiteiro, o control e dominio do fol e tamén a estética.

 

  • A gaita debe ser utilizada e mantida con certa regularidade xa que, como calquera instrumento de vento–madeira, alcanza a súa plenitude sonora tras un período de uso.
Válvula do Soprete
Seipón
Lubricando cortizas con Seibo

Descripción das partes do instrumento

A gaita componse das seguintes partes (segundo configuración):

O ronco componse de tres partes (prima, segunda e copa) enlazadas entre si polos espigos, que serven á vez para afinalo. Proporciona unha nota pedal grave e constante (dúas oitavas por debaixo da tónica do punteiro), que apoia harmonicamente á melodía. A súa fonte sonora é un pallón: pequeno tubo cunha lámina vibrante simple.

A ronqueta consta de dúas partes e, ao igual que o ronco, emite unha nota continua pero esta vez unha oitava por debaixo da tónica do punteiro. Tamén ten un pallón como fonte sonora.

A ronqueta pode levar unha chave para abrir ou pechar o paso do aire (cortar o son).

O chión tradicional leva, como fonte sonora unha palleta de lámina dobre igual á do punteiro. Emite a nota dominante ao unísono con este último polo que, ao estar unha quinta por enriba da tónica, resulta de gran valor harmónico nalgunhas melodías. Caracterízase fundamentalmente pola intensidade do seu son enxebre e polas disonancias coas notas próximas, especialmente coa sexta menor. Pode dar a sensación de que están a soar dúas gaitas a dúo, sobre todo en espazos abertos.

Despois dun proceso de estudo e investigación, o Obradoiro de Gaitas Seivane comercializa dende a década dos 80, o máis recente chión de pallón que, como o seu nome indica, utiliza un pequeno pallón como fonte sonora. As súas características físicas e acústicas son distintas, con respecto ao de palleta, a pesar de que tamén emite a dominante do punteiro, se ben unha oitava máis grave. Desta forma, as disonancias redúcense ao mínimo ou deixan de existir. O seu volume é moito máis suave e melódico, e a súa relación coa tónica do punteiro é distinta: unha cuarta xusta descendente.

Existe outro chión tamén de pallón, pero pouco utilizado no Obradoiro de Gaitas Seivane. Emite a tónica do punteiro a unísono. O seu principal problema radica na súa disonancia coa sensible, ademais de non achegar demasiado harmonicamente, ao repetir a tónica do mesmo modo que o ronco e a ronqueta.

O chión pode levar unha chave para abrir ou pechar o paso do aire (cortar o son).

É a parte da gaita que produce a melodía. Ten un interior cónico -propio das gaitas atlánticas- con oito buratos melódicos e tres máis chamados oídos sonoros. A súa fonte sonora é unha palleta de lámina dobre, parecida ás do fagot, que produce un son forte e cargado de harmónicos.

Unha pequena rosca no aloxamento da palleta, permite que quede ben suxeita, evitando que se caia no interior do fol. Para colocar a palleta, xirar á dereita e para extraela xirar á esquerda.

Se dispón do Seitor, punteiro que incorpora o novo sistema de ton regulable, poderá correxir as eventuais variacións no ton sen necesidade de sacar o punteiro da gaita.

Son as pezas que unen os tubos sonoros e o soprete co fol, ao que están firmemente atadas e polas que entra ou sae o aire.

O patentado pallón Seipal sintético, coas válvulas de corte incorporadas, é o resultado de longos estudos do Obradoiro de Gaitas Seivane, buscando unha estabilidade tonal en calquera circunstancia de humidade e temperatura, pero manténdose fiel ao son do pallón tradicional de cana.

É o elemento constitutivo da gaita que máis a caracteriza e a diferenza. Fai a función de almacén de aire que entra polo soprete e distribúeo aos distintos tubos sonoros -punteiro, ronco, ronqueta e chión- cunha presión controlada polo brazo do gaiteiro. Desta presión dependerán en boa medida, a boa afinación e tempero do instrumento.Tradicionalmente facíase da pel da cabra pero, dende hai anos, utilízase tamén o de vaca ou, máis recentemente, o Gore-Tex®.

Funda de material téxtil que recobre e protexe o fol á vez que lle dá forma, consistencia e mellora a súa presentación. A elección do tecido e cores adoita definir a personalidade do gaiteiro.

Borlas e flocos de adorno a xogo coa funda.

Serve para insuflar o aire no fol, evitando que este retroceda mediante unha válvula de retención. Recentemente desenvolveuse un novo sistema de válvula denominado Seipón, que ademais doutras vantaxes, aumenta a fiabilidade e permite unha substitución moito máis simple e rápida.

Os novos modelos contan coa boquilla desmontable e intercambiable que favorece a súa limpeza e que pode ser substituída por outras de igual ou distinta lonxitude. Inseríndoa no capuchón de buxo protector da palleta, permite tocar directamente co punteiro.

Para extraer a boquilla do soprete, unha boa práctica que evita roturas é sacar a boquilla de forma alineada con respecto ó corpo do soprete, evitando unha presión excesiva ou un esforzo incontrolado lateral.

É a parte máis delicada e caprichosa da gaita e está formada por dúas láminas de cana, atadas sobre un tubo metálico chamado tudel. Produce o son orixe do punteiro.

O pallón é o elemento que produce o son orixe do ronco, ronqueta e chión segundo o caso. O pallón tradicional é un tubo de cana dunha soa peza, á cal se lle levanta unha lámina vibrante por incisión sobre o propio tubo.

Tonalidade

No Obradoiro de Gaitas Seivane fanse gaitas en todas as tonalidades, dende Dó4 a Sol5. Ademais, cos kits de tonalidade existe a posibilidade de mudar o ton da gaita intercambiando ou engadindo algunhas pezas. Consúltenos, por favor.

Dixitación

O seguinte vídeo mostra a táboa de posicións de dixitación, referida á gaita en Dó. Para os demais tons, e por motivos prácticos, usarase os mesmos nomes de nota, aínda que o seu son sexa distinto.

Hai notas con varias posicións, ás veces con diferenzas microtonais entre elas, que poden dar xogo para corrixir puntualmente a afinación, dependendo do estado e das circunstancias (palleta, punteiro, clima…). Permiten, igualmente, conseguir a escala temperada se se ha de tocar con instrumentos clásicos que a utilicen, ou usalas por comodidade en determinadas pasaxes que se interpreten.

Coa dixitación ordenada de forma natural, sen “tranquillas”, obtense a escala semitemperada que é a afinación actual da gaita galega, e sitúanse a medio camiño entre a escala natural conxénita da antiga gaita e a escala temperada moderna.

Se vostede o desexa, pode descargar en formato PDF a versión impresa do taoba de dixitación:

Ideas básicas sobre o retoque da palleta

Por diversos motivos e en determinadas ocasións, pode que o punteiro non afine correctamente por descompensación da súa escala, é dicir, pola aparición de desviacións tonais en máis ou en menos da parte alta do punteiro con respecto á súa tónica. A causa máis corrente adoita ser o “estado anímico” da palleta, pois as condicións ambientais aféctanlle moi directamente. Ás veces, poden corrixirse estas desviacións tocando durante certo tempo para aclimatar a palleta e o punteiro, pero non sempre sucede así. A palleta nova case sempre ha de ser readaptada mentres que a usada é normalmente máis estable. Non obstante, chega un momento en que esta pode entrar nun estado de cansazo e entón é recomendable axustala de novo para seguir usándoa.

Moxenas afirmaba que “o gaiteiro pasa media vida afinando e outra media tocando desafinado”. Se ben, no momento actual isto é, en xeral, menos certo, esta aseveración debe ser entendida como a preocupación e meticulosidade do gaiteiro por controlar a estabilidade da afinación do seu instrumento, pois desta depende o éxito final e o grao de satisfacción.

Palleta
Despuntando
Raspando
  • Se toda a escala de punteiro está alta, hase de suplementar a palleta con fío, teflón ou papel fino para levantala un pouco no seu asento. A afinación tamén se fai máis grave raspándoa un pouco en xeral o que, á vez, abranda a palleta e é necesaria unha presión menor para facela sonar.

 

  • Se, estando a tónica centrada, se observa que, a partir da Sol (quinta), a escala resulta alta, hase de raspar un pouco a parte traseira da palleta e introducila un pouco máis no seu asento. Con este lixeiro pulido traseiro adoita baixar a tonalidade xeral pero en maior medida na parte alta do punteiro. Teña coidado de non se pasar no raspado. Esta descompensación na parte alta tamén pode darse se as láminas están moi pechadas e moi secas. A solución: abrilas e humedecelas lixeiramente.
  • Se unicamente o Si e o Dó agudos saen altos raspar soamente dende a zona media cara á punta da palleta ou abrila lixeiramente.

 

  • Se se dá o caso contrario, é dicir, a parte alta grave con respecto á tónica, pode ser debido a:
    • Unha palleta demasiado usada ou demasiado pulida na zona traseira: debe ser despuntada.
    • Excesivamente sacada do punteiro: introducila máis.
    • Demasiado abertas as pas: axustar convenientemente.
    • Demasiado ancha: limar ou lixar as pas para reducir a súa anchura.

 

  • Se toda a escala se presenta grave: palleta inadecuada, demasiado ancha, longa ou vella. Se é demasiado longa cabe o despunte, se é demasiado ancha pode intentarse estreitala un pouco pero, nos outros dous casos, haberá que utilizar unha nova. Outra razón pola que a afinación xeral sae grave pode ser a temperatura excesivamente baixa do punteiro. A solución é evidente: deixar que se tempere de modo gradual. 

 

Deben dominarse todas estas ideas básicas para logo poder combinalas, experimentando, ata chegar a conseguir o que mellor convén en cada caso.

Un truco moi bo e inédito consiste en atar con fío, a partir do freo, sobre as pas de forma similar ao atado principal. Isto permítenos, atando máis ou menos, subir o ton. É un recurso moi eficaz, sobre todo en tempo frío ou con palletas que soan moi graves e que para facelas subir, habería que cortalas moito co que tamén se produciría descompensación.

Garantía Seivane

Obradoiro de Gaitas Seivane pode ofrecerlle ao usuario a seguridade de que ten nas súas mans un produto da máis alta calidade.